O pasado sábado 8 de xuño celebrouse a fase rexional das Olimpíadas de Robótica de ámbito internacional World Robot Olympiad (WRO) nas instalacións do centro anfitrión deste ano, o colexio O Castro British International School, situado en Mos (Pontevedra). No encontro participaron ao redor dun centenar de mozos de entre 6 e 15 anos de idade, procedentes de Pontevedra, Ourense e o norte de Portugal.
A competición englobou diversos retos a resolver polos equipos en cada unha das categorías, delimitadas por idade: RoboBasic, RoboMission-Elementary, RoboMission-Junior e Future Innovators Junior.
Os participantes, coa orientación dun adestrador, tiveron que deseñar, construír e programar un robot innovador, que realizase determinadas funcións sobre o taboleiro de xogo. Con iso, aprenden e demostran a súa capacidade para a resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais, como o traballo en equipo, o pensamento crítico e a creatividade.
Vitoria de dúas integrantes do equipo
Do equipo co que colabora Xenera, resultaron gañadoras na súa categoría – RoboMission-Elementary – Carmen Cernadas Otero e Olivia Varela Szydlowska, dúas alumnas do colexio anfitrión. Foron as integrantes do equipo que lograron a vitoria na súa categoría e, con iso, o pase ao torneo nacional.
Olivia Varela Szydlowska (esquerda) e Carmen Cernadas Otero (dereita), amosando o seu trofeo.
Carmen e Olivia, xunto ao robot que construíron.
Ambas son veteranas na WRO, xa que o ano pasado clasificáronse para a final nacional, que tivo lugar en Cataluña.
Carmen e Olivia, co seu adestrador Emilio Cernadas.
Próximas competicións World Robot Olympiad 2024
A participación na competición celebrada no torneo WRO Vigo foi clasificatoria para a fase nacional, que terá lugar en setembro en Huércal (Almería), baixo a organización da Fundación educaBOT. Da competición nacional sairán os clasificados para a fase internacional, que levará a cabo en novembro en Izmir (Turquía). A nivel internacional, a WRO está promovida pola World Robot Olympiad Association.
O próximo reto para as dúas clasificadas do equipo é deixar o listón ben alto en Almería. Desexámoslle moita sorte e enxeño a Carmen e Olivia, no seguinte torneo!