O pasado xoves estivemos en “Más que cañas“, un evento organizado no Círculo de Empresarios de Galicia, coa colaboración de Estrella Galicia.
Nun ambiente informal e próximo, que fai distintivo a este evento, o noso socio xerente Ulises Varela falou sobre o sector eléctrico, cos seus tres “alicerces”: xeración, distribución e comercialización de enerxía, incidindo neste último, con motivo do seu proxecto empresarial XENERA Compañía Eléctrica, unha comercializadora que arrincou no ano 2010, e se fixo popular, especialmente polo seu produto principal: A Vaquiña polo que vale.
Ulises Varela empezou a traballar na empresa familiar – a Sociedade Electricista de Tui- no ano 2007, tras finalizar os seus estudos de Enxeñería Industrial e traballar na Eléctrica de Francia, en Rennes, e na Central Térmica situada na cidade polaca de Gdansk. Pertence á quinta xeración familiar da empresa, cuxa orixe se remonta ao ano 1896, sendo Ulises o primeiro en dedicarse á comercialización de electricidade e gas.
Ulises Varela con Álvaro Álvarez Blázquez, quen presentou o evento.
Asistentes a Más que cañas
Este evento contou coa presenza de preto de medio centenar de persoas, principalmente emprendedores e empresarios de diversos sectores de actividade, cos que foi posible intercambiar experiencias e puntos de vista.
Entre os asistentes, expuxéronse cuestións como a diferenza entre o mercado enerxético español e o doutros países europeos, as perspectivas de futuro do sector ou a interpretación das facturas e os conceptos que as compoñen (ao que se deu resposta, indicando que as facturas de XENERA se caracterizan por ser o máis claras posible, aínda que polo tipo de produto do que se trata, existen certos conceptos que non se poden simplificar en exceso).
Por Más que cañas pasaron xa executivos de diversos sectores, como o Presidente executivo de Blusens, o Co-fundador e xerente de La Pepita, o Director Xeral do RC Celta, a CEO de Womenalia ou a Conselleira delegada de Adolfo Domínguez, entre outros.
Para XENERA foi un pracer participar nun evento destas características, que permite trasladar a nosa experiencia nun ambiente desenfadado e próximo. Queremos dar as grazas ao Círculo de Empresarios de Galicia pola súa proposta de participación en Más que cañas e a Estrella Galicia pola súa colaboración no desenvolvemento deste evento.