Xenera e A Vaquiña polo que vale recibiron a felicitación da Mesa pola Normalización Lingüística nun encontro celebrado recentemente co motivo de potenciar o uso do galego nos servizos públicos e promover a responsabilidade lingüística das empresas galegas.
Ulises Varela Ruibal, xerente de Xenera Compañía Eléctrica, comprometeuse a manter a opción de galego en todos os seus servizos, na documentación interna e a atención ao cliente, así coma na páxina web da empresa.
O uso do galego feito por Xenera na publicidade visible nas rúas e medios de comunicación de Galiza foi valorado de xeito positivo pola Mesa, que sinalou esta actitude coma un exemplo para outras compañías galegas.