Orgullosos de patrocinar ao Club Baloncesto Tui

Club Baloncesto Tui

Como moitos de vós xa saberedes, para falar da orixe de XENERA temos que remontarnos, nin máis nin menos que a finais do século XIX, coa posta en marcha da primeira central hidroeléctrica na localidade de Tui (Pontevedra).

Temos especial agarimo por esta localidade, que nos viu nacer e crecer, e por iso un forte compromiso cos seus clubs deportivos, a moitos dos cales apoiamos desde hai tempo.

En XENERA estamos comprometidos co apoio ao deporte de base e, por iso, contribuímos con diversas iniciativas e entidades deportivas.

José Carlos, Presidente del Club Baloncesto Tui
José Carlos Martínez Pedrera.

Hoxe imos falar da nosa colaboración co Club Baloncesto Tui. Tivemos ocasión de falar con seu presidente, José Carlos Martínez Pedrera. Botade unha ollada ao que nos contou.

José Carlos, cóntanos, como comezou a traxectoria do Club e que a motivou?

O baloncesto é un deporte con historia en Tui. Os primeiros en empezar a practicar este deporte na cidade foron militares cataláns, que chegaron aos cuarteis de Tui na década dos 40.

Non foi ata 1980, cando se fundou o Club Baloncesto de Tui e, en 1981, a actual Escola Municipal de Baloncesto Tui, sendo os artífices do proxecto Juan Ramón Solleiro Alonso (Mon) e Juan Carlos Solla Fernández (Solla). A súa principal intención non foi outra que impulsar este deporte entre os mozos tudenses e das localidades próximas.

E na actualidade, con que equipos conta o Club?

No presente, o CB Tui conta con once equipos. Desde os máis novos, con 6 e 7 anos de idade, que forman parte do equipo babys. Ata os integrantes do equipo sénior, con idades comprendidas entre os 19 e os 35 anos. En total contamos con 85 nenas e nenos en categorías inferiores de entre 6 e 18 anos, ademais dos 11 xogadores maiores de 18 anos do equipo sénior. Estamos a disputar en seis categorías a máxima división galega.

Preto dun centenar de persoas forman parte dos equipos do Club Baloncesto Tui. A maioría son da localidade, aínda que tamén hai mozas que veñen desde Vigo, Marín, Baiona, Salceda…

Con que frecuencia se adestra e cantos partidos se disputan ao ano?

A maior parte dos equipos do Club adestra entre 3 e 4 días á semana. Todos os días hai adestramentos no Pavillón Vello desde as 17:00 ata preto das 23:00 horas. A maiores, adéstrase 3 días á semana, de 18:00 a 21:00 horas, no Pavillón da Macoca.

En canto a partidos disputados, ao ano superamos os 400.

CBTui

Adoitades desprazarvos para disputar os encontros?

Si. Os equipos de case todas as categorías están na Liga Galega, o que supón que teñamos que desprazarnos a nivel autonómico de forma regular.

Practicamente todas as fins de semana temos varios equipos disputando partidos en calquera parte de Galicia.

Contades con moitos afeccionados?

Pois son menos dos que nos gustaría ter, a verdade. Na actualidade, en Tui practícanse moitos deportes e, como é lóxico, tanto os nenos como os afeccionados repártense.

Nós contamos cuns 200 socios, pero o certo é que nos gustaría que asistise máis xente aos partidos.

A nosa dedicación reflíctese nos resultados e encantaríanos que máis xente compartise connosco a emoción polos logros que alcanzan os equipos do club.

O equipo sénior está na máxima categoría autonómica e en postos de cabeza, logrando o ano pasado o ascenso á Liga EBA, unha categoría nacional, que lamentablemente non puidemos acometer, principalmente por cuestións económicas. Ademais, o resto de categorías de Deporte Basee están case todas competindo en Liga Galega con moi bos resultados.

Falando de logros, cales son os principais fitos que conseguiron os equipos do club ao longo da súa historia?

Como comentaba, a tempada pasada, o equipo sénior conseguiu o pase á Liga EBA na fase de ascenso, disputada en Cambre. Así mesmo, o ano pasado, o cadete quedou campión galego e disputou o campionato de España de clubs en Lleida, quedando eliminado en oitavos de final.

Varios dos nosos equipos basee quedaron Campións Galegos.

Máis aló dos logros deportivos, que crees ti que é o que move ás persoas para formar parte dun club como o CB Tui?

O sentimento de equipo. O que realmente fai que os deportistas sentan ben formando parte dun club son todos os valores que van asociados á práctica dun deporte de equipo. Promóvense hábitos de vida saudables, e incúlcanse valores como o compañeirismo, o respecto, o traballo en equipo, a socialización, a solidariedade…

As vitorias son importantes, pero o esencial é inculcar todos estes valores ás novas xeracións.

Para levar a cabo o voso labor requírese bastante persoal e infraestruturas, non é certo?

Pois si, así é. Á parte da Xunta Directiva, contamos cun staff técnico composto por sete adestradores, e temos diversos gastos que asumir para poder manter o Club. Para iso, a achega dos patrocinadores é de vital importancia.

O Club non se podería manter no nivel deportivo que alcanzou sen a gran axuda dos patrocinadores. De feito, os ingresos de patrocinadores supoñen case o 40% do orzamento anual do Club.

XENERA é para nós O PATROCINADOR con maiúsculas. Sempre estivo co Club, a través de S.E.T.A., a Sociedade Electricista de Tui, e estamos moi agradecidos por iso.

Grazas, José Carlos. Desde XENERA Compañía Eléctrica alegrámonos de colaborar para que o Club siga adiante e que poidades seguir cultivando éxitos e, sobre todo, inculcando bos hábitos e valores tan importantes para a sociedade como o respecto e o traballo en equipo. Desexámosvos unha gran tempada!.

Comparte:
ETIQUETAS:
object(WP_Term)#14863 (10) { ["term_id"]=> int(246) ["name"]=> string(11) "patrocinios" ["slug"]=> string(11) "patrocinios" ["term_group"]=> int(0) ["term_taxonomy_id"]=> int(246) ["taxonomy"]=> string(8) "post_tag" ["description"]=> string(0) "" ["parent"]=> int(0) ["count"]=> int(4) ["filter"]=> string(3) "raw" }
patrocinios
object(WP_Term)#14864 (10) { ["term_id"]=> int(310) ["name"]=> string(3) "Tui" ["slug"]=> string(3) "tui" ["term_group"]=> int(0) ["term_taxonomy_id"]=> int(310) ["taxonomy"]=> string(8) "post_tag" ["description"]=> string(0) "" ["parent"]=> int(0) ["count"]=> int(2) ["filter"]=> string(3) "raw" }
Tui

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *