Encántannos os faros! Non só porque levan séculos iluminando aos navegantes e contribuíndo ao progreso da humanidade, senón tamén pola súa beleza e a que confiren ao lugar no que se atopan. No litoral galego temos moitos faros ben fermosos que visitar. Imos falar dos nosos favoritos, pero se hai algún polo que teñas predilección, non dubides en comentalo!
Faro Vilán, Costa da Morte (A Coruña)
Encabeza a nosa lista porque foi o primeiro faro español electrificado. Foi o 15 de xaneiro de 1896 e, por aquel entón, a enerxía eléctrica obtíñase grazas a dous grandes dínamos, accionados por máquinas de vapor. Ademais, é un dos máis altos de Europa, con 25 metros de altura de torre.
En Cabo Vilán había un faro de vapor funcionando desde 1854, o Faro Vello, situado nunha torre octogonal, que aínda hoxe se pode ver xusto enfronte.
O Faro Vilán sinala un dos puntos máis perigosos da Costa da Morte, pero tamén dos máis impresionantes polo enclave natural en que se asenta. De feito, no ano 1933 foi declarado de Interese Nacional.
O frecuente vento, esculpe as rocas dos arredores, formando figuras de gran beleza.
O faro, que posúe un potente canón de luz, está erguido a 130 metros de altitude sobre o nivel do mar e unido por un túnel cuberto ao antigo edificio dos fareiros. É un faro aberto ás visitas. Conta con salas de exposición -nas que sempre hai unha mostra- e alberga o Centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimas da Costa da Morte que, entre outros detalles, explica a historia dos naufraxios que tiveron lugar nesta zona. O máis coñecido foi o do buque da armada británica HMMS Serpent no ano 1890, que acelerou a construción do faro que podemos ver na actualidade.
Faro de Cabo Ortegal, en Cariño (A Coruña)
Entrou en funcionamento en 1984 e conta con 12,7 metros de altura e 3 metros de diámetro. Trátase dunha torre cilíndrica de formigón, pintada de branco e vermello. É unha visita imprescindible na costa galega, xa que está situado nun entorno privilexiado: ao este limita coa Ría de Ortigueira e podemos chegar a observar o cabo máis ao norte de España, o de Estaca de Bares, onde conflúen o Mar Cantábrico e o Océano Atlántico e no que tamén nos atopamos cun faro de gran relevancia. Ao oeste do faro atópase a Serra de A Capelada, cos acantilados costeiros máis altos do centro e o sur de Europa (a máxima altura é no alto de Vixía Herbeira, con 613 metros). De fronte, atópanse tres pequenos illotes rochosos que reciben o nome de “Os Tres Aguillóns” (los tres aguijones en español). Cada un, co seu propio nome: “Cabalo Xoán”, “A Ínsua” e “Tres Irmaos”.
Este impresionante conxunto xeolóxico xa foi citado no século II polo grego Ptolomeo, que os chamou “Trileuco” (podería traducirse como os tres brancos), quizais a causa da espuma que bate estas formacións ou quizáis ao guano xerado polas abundantes colonias de araos que alí había, a máis importante de España, xa extinguida.
Faro de Illa Pancha, Ribadeo (Lugo)
A pequena illa, unida á costa por unha ponte, alberga os dous faros de Ribadeo. O antigo, que comezou a construírse en 1857 e inaugurouse tres anos despois para indicar aos navegantes a desembocadura do Río Eo. É de planta cadrada, está pintado de branco e azul, e actualmente está rehabilitado como aloxamento turístico. O actual, que se construíu en 1983, é de maior alcance e se ergue sobre unha torre circular de formigón, decorada con franxas brancas e negras.
O de Illa Pancha é o primeiro hotel faro de España.
Faro de Fisterra (A Coruña)
Cabo Fisterra foi considerado durante séculos o límite das terras coñecidas. O cabo do fin do mundo: “Finis Terrae“. Foi construído en 1853, cunha torre octogonal de 17 metros de alto, que está a 138 metros sobre o nivel do mar. Conta cunha potente luz, que pode alcanzar os 65 quilómetros. É un faro emblemático, coñecido por todos os navegantes, pola súa importancia ao advertir da proximidade dunha costa sumamente perigosa.
Cabe destacar que non é o faro máis occidental de Europa, senón que o é o de Cabo de Roca, en Portugal. En realidade, o Faro de Fisterra non está nin no cabo máis occidental do seu propio municipio, mérito que recae no Cabo da Nave, nin no de Galicia (e, polo tanto, de España), que é o de Cabo Touriñán.
O Faro de Fisterra funcionaba orixinalmente con lámpadas de aceite. Despois de diversas reformas, electrificouse con lámpadas de incandescencia, que emiten un destello cada 5 segundos.
A constante néboa da zona, trouxo consigo o levantamento dun edificio anexo cun sinal acústica en 1888, coñecida como a Vaca de Fisterra (pola similitude do seu son). Permitía avisar aos navegantes do perigo existente. Ata hai pouco, en días pechados de néboa emitía son, que se podía escoitar a máis de vinte millas. Na actualidade non está en funcionamento. O conxunto complétase co edificio do Semáforo, construído en 1879 para dar sinais á mariña de guerra. Na actualidade está rehabilitado como aloxamento turístico.
Se observamos para o sur, está toda a Ría de Corcubión, as illas da Lobeira e o imponente Monte Pindo completan este miradoiro natural.
Na Illa Lobeira Grande (frente ás costas de Carnota, en plena ría de Corcubión) tamén hai un faro, que estivo habitado por fareiros e, a día de hoxe, está automatizado.
Torre de Hércules (A Coruña)
A Torre de Hércules foi construída como faro polos romanos. Trátase do único faro de orixe romana que aínda se atopa en funcionamento. Data do século I-II a.c e ten unha altura de 57 metros (36 metros corresponden á construción romana e 21 á restauración do século XVIII).
É o terceiro faro de maior altura de España, por detrás do Faro de Chipiona (62 metros sobre o nivel do mar) e o de Maspalomas (60 metros sobre o nivel do mar).
Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931 e Patrimonio da Humanidade pola Unesco o 27 de xuño de 2009.
Nos seus arredores atópase o Parque Escultórico da Torre de Hércules, un auténtico museo ao aire libre.
Faro Silleiro, en Baiona (Pontevedra)
Está situado en Cabo Silleiro, na parroquia de Baredo, a poucos quilómetros da localidade pontevedresa de Baiona. A comezos do século XX inaugurouse o novo edificio que albergaría o faro no alto da montaña (a 85 metros do nivel do mar), como podemos velo na actualidade.
O faro ten unha lámpada de 3.000 watios, visible a 40 millas se o ceo está despexado.
Faro Silleiro non se pode visitar como tal, pero si que paga a pena achegarse para ver a paisaxe. Ademais, próximo a el, poden verse as ruínas dunha batería de tiro da armada, cos seus canóns.
Ademais destes seis faros que destacamos, hai decenas de impresionantes faros que visitar en Galicia. Así pois, é tamén moi aconsellable a visita aos de Estaca de Bares, Frouxeira, Corrubedo, Cabo Home, Cabo Touriñán, Punta Roncadoira, Punta Nariga, Punta da Barca, Candieira, Mera, Illas Cíes, Illas Sisargas, Mera, O Roncudo e Laxe.
Cóntanos, en que faros de Galicia estiveches? Cales son para ti os máis impactantes?