Falsos mitos sobre os coches eléctricos

Coches eléctricos

Non estamos a falar do futuro, senón do presente. Os coches eléctricos están en auxe, especialmente nas principais cidades. Dise que os próximos dez anos serán esenciais para que esta tecnoloxía se expanda e relegue definitivamente ao motor de combustión interna. Desde logo, os novos modelos de coches eléctricos son cada vez máis alcanzables e contan con mellores prestacións.

Sen embargo, aínda moitas persoas teñen dúbidas á hora de mercar un coche eléctrico, en boa parte pola influencia dos seguintes oito mitos, que hoxe imos botar por terra.

1. Os coches eléctricos son caros

Os prezos de compra tenden á baixa a medida que a oferta vai en aumento. Actualmente xa hai no mercado diversos modelos dos fabricantes tradicionais europeos e xaponeses que ofrecen boas prestacións a prezos moi alcanzables.

Ademais, hai que ter en conta que en moitas cidades hai un desconto sobre o imposto municipal de circulación anual (IVTM) para incentivar a súa compra e así tratar de reducir a contaminación do aire.

Os coches eléctricos para nós máis “molóns” do 2018, teñen un prezo que oscila entre os 23.900€ de partida do Kia Soul EV e os polo menos 43.000€ do Mercedes clase B Electric Drive.

Iso si, se nos vamos ao Tesla -que vén sendo o Apple dos coches eléctricos- teríamos que contar con máis de 80.000€, pero tamén estamos a falar de vehículos eléctricos moi superiores ao resto en canto a potencia, autonomía e deseño.

Por outro lado, fálase de que o recambio das baterías é caro e que adoitan durar uns 3.000 ciclos de carga completos (ou o que é o mesmo: se se baleirara e enchera unha vez ao día, duraría uns oito anos). Aí si que temos que dicir que se está no certo, pero se sumamos o aforro en combustible -que pode chegar a ser duns 600 euros ao ano- coa menor incidencia de avarías (tendo en conta tamén que as revisións son máis baratas e sinxelas), as subvencións e certos privilexios -como aparcar gratis na zona azul de algunhas cidades- o beneficio é realmente interesante.

2. Teñen pouca autonomía

Os primeiros modelos en saír ao mercado si que presentaban unha autonomía moi reducida, pero os modelos actuais están na media de 200-250 Km. Incluso hai modelos eléctricos de marcas europeas como BMW ou Renault que alcanzan unha autonomía de 300-400 Km. O Tesla Model S, está preto dos 600 Km.

Na actualidade xa hai coches eléctricos cunha autonomía de 300 ou máis quilómetros.

3. Recargar a batería é complicado

Non son poucas as persoas que temen a falta de infraestrutura de recarga e consideran que as posibilidades de “quedar tirado” cun coche eléctrico son elevadas. Sen embargo, as probabilidades son as mesmas que cun coche convencional. Só é preciso estar atento aos avisos do cadro de luces. Ademais, os coches eléctricos contan con modos de aforro de enerxía para casos de emerxencia.

A rede de centros de recarga vai en aumento e a maioría de coches eléctricos poden cargarse en puntos domésticos sempre que se conte cos sistemas de adaptación de enchufes necesarios.

Para o incremento de compra dos coches eléctricos as baterías xogan un papel determinante. De elas dependen a autonomía, e a velocidade de recarga e inflúen de maneira substancial na vida útil do vehículo, todos eles aspectos fundamentais que aínda frean a moitos usuarios.

4. Tardan moito en cargarse

Existen tres tipos de recarga para os vehículos eléctricos: lenta (5-8horas), semirápida (1,5-3 horas) e rápida (5 a 30 minutos).

A lenta é a que adoita realizarse na casa ou na oficina e a baixa potencia. Sopórtana todos os coches eléctricos do mercado, é a máis sinxela e habitual.

A semirápida é certo que está pouco estendida. Está pensada para zonas públicas, como os puntos de recarga na vía pública, semipúblicas e privadas, como aparcamentos de flotas, aparcamentos de empresas, centros comerciais, cines, supermercados, hoteis, etc.

A carga rápida destínase a estacións de servizos que ofertan recarga eléctrica e electrolineiras. Require unha instalación complexa.

A medida que se están a estender os puntos de carga rápida, o problema do tempo de carga está a diminuír.

Cadro dun coche eléctrico

5. Alcanzan pouca velocidade

En case todos os modelos de coches eléctricos as velocidades máximas superan os 120 km/hora permitidos pola lei -situándose en torno aos 150 km/hora– o que é suficiente para poder circular con comodidade e seguridade.

6. Non hai axudas públicas que incentiven a compra

Desde 2011 existen axudas para a compra de coches eléctricos, aínda que é de forma descontinua e con presuposto reducido, que ademais adoita esgotarse moi rápido.

Recentemente aprobouse a nivel estatal o plan para Vehículos de Energías Alternativas (plan VEA), cunha partida de 66,6 millóns de euros en novas axudas ao eléctrico, así como para a súa infraestrutura. O Ministerio de Industria, Comercio y Turismo ten prevista a súa implantación antes de que finalice o ano.

Uno dos puntos que máis interesa é canto diñeiro recibirá o comprador en concepto de axuda á adquisición do vehículo eléctrico. Polo momento no se concretou a cantidade, pero no anterior Plan Movea esta axuda rondaba os 5.000 euros, dependendo do tipo de vehículo que se mercase.

Os coches eléctricos pagan o mesmo IVE que calquera outro coche -un 21%- e un 0% de imposto de matriculación (Conste que os coches con motor de combustión interna que menos CO2 emiten tamén pagan un 0% de matriculación).

Antes de mercar un coche eléctrico tamén é interesante informarse sobre as axudas autonómicas, que varían segundo a comunidade autónoma na que se resida.

O inconveniente destas axudas é que o importe recibido computa na declaración anual da renda (IRPF) e tocará devolver parte do mesmo, en función do que a cada un lle toque pagar.

7. Custa máis aseguralos

Hai uns anos era certo, pero na actualidade polo xeral o custo do seguro para un coche eléctrico é moi semellante ao dun coche convencional equivalente de prezo similar. É máis, o prezo do seguro dun coche eléctrico xa pode chegar a ser entre un 5 e un 15% máis barato.

8. Son menos resistentes en caso de accidente

A fraxilidade non garda relación co tipo de motor do coche, senón co tipo de carrocería do vehículo. Ao igual que hai coches de combustión máis fráxiles que outros, tamén hai diferencias a este respecto entre os distintos modelos de coches eléctricos.


Despois de desmontar estes oito grandes mitos, xa non hai motivos para que o teu próximo coche non sexa eléctrico.

Comparte:
ETIQUETAS:
object(WP_Term)#14680 (10) { ["term_id"]=> int(117) ["name"]=> string(10) "transporte" ["slug"]=> string(10) "transporte" ["term_group"]=> int(0) ["term_taxonomy_id"]=> int(117) ["taxonomy"]=> string(8) "post_tag" ["description"]=> string(0) "" ["parent"]=> int(0) ["count"]=> int(4) ["filter"]=> string(3) "raw" }
transporte

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *