Interruptor de Control de Potencia (ICP): que é e para que serve?

Interruptor de Control de Potencia ICP contador de luz digital

Trátase dun dispositivo que actualmente adoita estar integrado nos novos contadores intelixentes e que, nos momentos en que se demanda máis potencia da que se ten contratada, interrompe a subministración eléctrica para previr danos na instalación eléctrica.

Que é o ICP?

O Interruptor de Control de Potencia (ICP), popularmente coñecido como limitador de potencia, é un compoñente fundamental na instalación eléctrica de vivendas e negocios. É un elemento de pequeno tamaño, que cumpre unha función importante: axuda a controlar o consumo de electricidade e actúa como un «vixiante» de seguridade da instalación. Cando a potencia utilizada supera a potencia eléctrica que tes contratada, o ICP actúa de forma automática, interrompendo a subministración eléctrica. É dicir, fai que “salte” a luz para evitar danos na instalación.

Utilidade do Interruptor de Control de Potencia

  • “Vixía” de forma constante a potencia que estamos a utilizar. Se nalgún momento consumimos máis potencia da que contratamos, por exemplo, ao ter varios electrodomésticos funcionando de forma simultánea, o ICP actúa cortando automaticamente a subministración eléctrica. Isto evita que excedamos o límite de potencia.
  • Axuda a previr sobrecargas, xa que desconecta a subministración cando detecta un consumo excesivo.
  • Tamén axuda a protexer a integridade da nosa instalación eléctrica. Por exemplo, se se utiliza un electrodoméstico defectuoso ou en mal estado, o ICP interrompe a corrente como medida preventiva para protexela instalación e os dispositivos conectados a ela.

Cales son os motivos polos que pode saltar?

Os motivos polos que pode saltar a potencia son variados, pero aquí detallamos os máis comúns:

  • A causa máis habitual da activación do ICP é o consumo dunha potencia superior á contratada. Isto pode ocorrer cando se utilizan á vez varios electrodomésticos, que xuntos exceden o límite de potencia establecido. Sucede especialmente se activamos á vez varios electrodomésticos de alto consumo, como lavadora, forno, campá extractora, secadora ou calefactores.
  • En ocasións, incluso o uso normal de electrodomésticos pode xerar picos de demanda breves que exceden o límite de potencia, especialmente se varios deles se acenden ou funcionan ao mesmo tempo.
  • Un electrodoméstico defectuoso ou que estea a ocasionar fallos técnicos pode causar variacións no consumo de enerxía. O ICP pode detectalo e interromper a subministración.

Onde está situado o ICP o limitador de potencia?

Actualmente as instalacións adoitan ter integrado o ICP dentro do contador intelixente, pero aínda queda algún caso excepcional que segue tendo un contador analóxico. Neste último caso, o ICP adoita estar no cadro eléctrico, separado do resto de interruptores, coa súa propia tapa e precintado.

Coa actualización que se realizou do contador analóxico ao dixital, podes ter dous ICPs (un no contador e outro no cadro de luz). Neste caso, é aconsellable desinstalar o ICP antigo porque a súa función préstaa agora o que vén integrado no contador dixital.

É importante que coñezas a localización do ICP para resolver canto antes calquera incidencia relacionada con el.

Hai algunhas vivendas que poden non ter instalado ou activado o ICP no seu contador dixital. Neste caso, a empresa responsable do contador poderá enviar unha notificación, avisando da data de activación do mesmo. Con esta activación, en ocasións, é necesario realizar un aumento de potencia contratada.

Que debes facer cando salta o ICP?

Se o Interruptor de Control de Potencia se activa e corta a subministración eléctrica, segue estes pasos:

1. Desenchufa algúns dos electrodomésticos ou dispositivos que estaban acendidos (especialmente os de maior consumo).
2. Baixa o Interruptor Xeral Automático do cadro eléctrico da vivenda ou o local, que é o interruptor encargado de cortar a electricidade de todo o panel eléctrico. Se no teu cadro hai ICP, báixao tamén.
3. Espera uns 20 segundos e rearma o contador, subindo de novo o interruptor xeral da túa instalación (e o ICP se é o caso).

cadro eléctrico

Se o ICP “salta” con demasiada frecuencia é probable que precises contratar máis potencia. Contacta connosco e explicámosche como xestionalo.

Debes ter en conta que a potencia que teñas contratada supón un importe fixo na túa factura da luz (deberás pagar por ela, aínda que non realices ningún consumo eléctrico) e, canta máis potencia teñas contratada, maior será o importe en cuestión. Por iso, é importante que contrates a potencia que mellor se axuste ás túas necesidades: nin por baixo do que necesitas nin en exceso. Unha alternativa ao aumento de potencia contratada é que analices se realmente precisas ter moitos aparellos eléctricos en funcionamento ao mesmo tempo ou podes prescindir dalgún deles. Por exemplo, necesitas poñer ao mesmo tempo a lavadora, o forno e pasar o aspirador?

Ten en conta, tamén, que a empresa responsable do contador só permite un cambio de potencia contratada ao ano. Por este motivo, nós adoitamos aconsellar que un electricista revise a instalación e aconselle que potencia contratar en cada caso.

Subir a potencia contratada ten custo

A lexislación actual permite incrementar os tramos da potencia contratada de 0,10 en 0,10 kW, sen necesidade de axustarse ás antigas potencias normalizadas.

O aumento de potencia eléctrica dunha vivenda ten un custo, que cobra a distribuidora eléctrica da zona, a través da factura de electricidade da compañía que se teña contratada. Este custo correspóndese cos seguintes dereitos:

Dereito Custo
Dereitos de extensión 17,37 €/kW aumentado + IVE
Dereitos de acceso 19,70 €/kW aumentado + IVE
Dereitos de enganche 9,04 € + IVE
Dereitos de verificación 8,01 € + IVE

Os dereitos de extensión mantéñense durante 3 anos polo que, se se volve a aumentar a potencia contratada nese prazo (ata a que tiñas anteriormente como máximo), non hai que volver pagalos.

Os dereitos de verificación só se cobran no caso de que a distribuidora da zona teña que realizar unha comprobación para asegurarse que a modificación que se efectuou cumpre coa normativa vixente e o funcionamento é correcto.

Ten en conta que a distribuidora pode solicitar o boletín eléctrico ou CIE tanto para aumentos de potencia, polo que debe estar vixente nestes casos (a vixencia é de 20 anos).

📝 Poñamos un exemplo. Se tes unha potencia contratada de 3,5 kW, queres aumentar a 4,5 kW e che correspondese pagar tódolos dereitos, o custo de aumento de potencia sería de 65,49 €. En cambio, se só che fixese falta pagar os dereitos de acceso e enganche, o custo de aumento de potencia sería de 34,78 €.

É obrigatorio contar cun interruptor de control de potencia?

Si, a normativa actual esixe que todas as vivendas e negocios estean equipados cun Interruptor de Control de Potencia (ICP). Con todo, nas vivendas máis antigas, é posible que este dispositivo non estea presente. Hai que ter en conta é obrigatorio ter o ICP e a súa ausencia pode conlevar sancións.

 

Cóntanos, saltouche algunha vez o ICP? Se é así, soubeches como actuar ou non?

Comparte:
CATEGORÍAS: enerxía luz

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *