Próximas festas gastronómicas galegas

Festas gastronómicas galegas

Acabamos de entrar no mes de decembro. Xa falta pouco para despedir o outono e o ano 2019. Nestes meses de frío non só hai festas de Nadal por toda Galicia, senón tamén festas gastronómicas galegas, que son un bo motivo para saír da casa e entrar en calor, degustando os produtos da nosa terra e as elaboracións máis populares.

Facemos repaso dos próximos festexos gastronómicos galegos nos que, sen dúbida, os callos son os principais protagonistas. Toma nota!

Festas gastronómicas galegas en decembro 2019

Xa están dispoñibles os horarios e actividades das festas gastronómicas de final de ano. Indicámolas por provincias:

Provincia de A Coruña:

• XIV Festa da Esfolla en Moeche: 6 de decembro.

A partir das 14:30 horas poderanse degustar empanada, callos, bebidas e sobremesa. A partir das 17:00 horas comezará a esfolla do millo coa actuación da formación Quenindiole.

• XXXI Festa do Marisco da Ría do Barqueiro en Mañón: 6 e 7 de decembro.

O domingo abrirase a carpa instalada en O Porto do Barqueiro, onde se poderá degustar un xantar a base de marisco variado. A festa estará amenizada pola charanga NBA e a formación O Son do Sor.

Festa do Marisco do Barqueiro de Mañón

Provincia de Lugo:

• XIII Tapicheo en Sarria: do 4 ao 8 de decembro.

Os establecementos hostaleiros participantes ofrecerán tapas a un módico prezo. O horario de degustación será de 20:00 a 23:00 horas, podendo os locais ampliar o horario ao mediodía, de 13:00 a 15:00 horas. Haberá unha tarxeta de votación para que os clientes/as poidan valorar cada tapa.

• XII Festa do Mexillón en Becerreá: 7 de decembro.

Poderanse degustar racións de mexillóns -preparados de distintas formas- e asistir aos actos programados, que comprenderán un mercado do Nadal da Asociación As Candeas, atraccións infantís e a animación musical de dúo X- Plosión.

• XXI Festa da Pisa da Castaña de Froxán en Folgoso do Courel: 7 de decembro.

Inicio ás 11:30 horas co aceso do sequeiro e a explicación do seu funcionamento. Ás 12:30 horas comezará a demostración do pisado da castaña seca e o abandoxado de forma tradicional. Ás 13:30 horas terá lugar a lectura ao pregón, a cargo do actor Xosé Barato.

Ás 14:00 horas dará inicio o xantar do pisador, onde os presentes poderán degustar castañas acompañadas de produtos de porco e sobremesas elaborados con castaña.

XXI Festa da Pisa da Castaña

Provincia de Ourense:

• XX Festa da Freba en Petín: 6 de decembro.

A partir das 14:30 horas poderase degustar a tradicional carne de freba á brasa, consomé, chourizos cocidos con cachelos, sobremesas caseiras e bebidas. Finalizado o xantar terá lugar a actuación de Disco Stuu.

• XII Festa do Pan da Baixa Limia en Bande: 7 de decembro.

Celébrase na parroquia de Corvelle, do municipio de Bande. Os actos comezarán ás 11:00, co inicio dos obradoiros de elaboración de pan de millo e de centeo, que se prolongarán ao longo da mañá e que terán lugar no forno comunal. Sobre as 13:00 horas dará inicio a degustación gastronómica deste delicioso pan e de tódolos produtos elaborados no forno. A festa estará animada con música tradicional galega.

Festa do Pan da Baixa Limia

Provincia de Pontevedra:

• XIII Festa da Fabada en Sanxenxo: 6 de decembro.

Nesta xornada en honra a San Antonio, celebrarase desde as 12:00 horas a Festa da Fabada, onde os presentes poderán degustar unhas deliciosas racións de fabada a prezos populares mentres gozan coa música do dúo Xplosión. Ás 12.30 horas terá lugar a misa cantada polo coro Folk Sanxenxo seguida de procesión e pasacalles co grupo de gaitas Breteva de Nantes. Pola noite as orquestras Miramar e A Onda ADN animarán a verbena.

Haberá inchables gratis para os máis pequenos desde mediodía.

• XXV Festa Gastronómica da Richada en Forcarei: do 6 ao 8 de decembro.

Esta festa gastronómica vense celebrando desde o ano 1993, logrando co paso dos anos maior prestixio e visitantes.

• I Festa dos Callos de Teis en Vigo: 6 e 7 de decembro.

Das 10:00 horas ás 18:00 horas será posible achegarse á carpa instalada nas proximidades do Mercado de Teis para mercar as racións de callos. Haberá música en directo e inchables para os máis pequenos.

• IV Raxofesta en Barro: 7 e 8 de decembro.

Ademais de degustar raxo cociñado de diferentes formas, os asistentes poderán asistir aos diversos actos lúdicos programados para a ocasión.

IV Raxofesta

• XIV Festa dos Callos de Matalobos en A Estrada: 8 de decembro.

Ás 14.30 horas dará comezo a décimo cuarta edición da Festa dos Callos. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, comezará a verbena coa orquestra Compostela e a charanga BB+.

• VIII Festa dos Callos de Castrelo en Cambados: 8 de decembro.

Os asistentes poderán degustar a partir das 14:00 horas de callos, bebidas e sobremesa, con celebración das badaladas da sorte. A festa contará coa animación musical de Marieta. Tamén haberá inchables para os máis pequenos.

Celebracións gastronómicas en xaneiro 2020

As datas das festas gastronómicas de principios de ano aínda non están totalmente confirmadas, pero imos facendo un avance, para que non as perdas de vista:

Provincia de A Coruña:

• Festa dos rixós quentes con filloas en Carres (Oza Cesuras): finais de xaneiro.

• Festa do criollo de Mehá en Mugardos: finais de xaneiro.

Provincia de Lugo:

• Festa dos Callos de Santa Cecilia en Foz: segunda semana de xaneiro.

• Festa dos Callos de Villamar en Barreiros: segunda semana de xaneiro.

• Festa do Berberecho/Chícaro de Foz: do 16 ao 18 de xaneiro de 2020.

• Exaltación do Mexillón en Rábade: finais de xaneiro.

Provincia de Ourense:

• IX Ruta de Pinchos en O Barco de Valdeorras: do 10 ao 20 de xaneiro (data orientativa)

• Festa do Cocido Ribeira Sacra en Abeleda, A Teixeira: segunda semana de xaneiro.

• Festa do Chourizo en San Antón de Ábedes, Verín: mediados de xaneiro.

• Festa do Botelo en O Barco de Valdeorras: finais de xaneiro.

• Cea do Cocido en Piñeiro, Pobra de Trives: finais de xaneiro.

• Festa do Codillo de A Rúa: finais de xaneiro.

Provincia de Pontevedra:

• Festa dos Callos en Vilanova de Arosa: mediados de xaneiro.

• Festa da Paletada-Laconada en A Guarda: terceiro sábado de xaneiro.

• Festa da Chourizada en Oia: finais de xaneiro.

 

Quédanos no tinteiro algunha festa gastronómica estes meses? Deixa un comentario dicíndonos cal é 😉

Comparte:
CATEGORÍAS: Galicia

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *