
Encántanos o refraneiro galego e as expresións de tradición oral da nosa lingua. Existen tantas expresións típicas galegas, que nos darían para escribir longo e tendido. De todas as que poderiamos ter incluído, quedamos con estas 20 expresións galegas que a nós, persoalmente, gústannos moito.
1. Amiguiños sí, pero a vaquiña polo que vale
Como non, tiñamos que comezar este artigo co noso eslógan: Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale
Que significa? Pois que por moi boa relación que se teña, os cartos son os cartos. Non imos ser flexibles nas negociacións por moita amizade que haxa.
Tamén se empregan variantes deste refrán como “Amiguiños si, pero o porco (ou porquiño) polo que vale” ou “Amiguiños si, pero a pita polo carto”.
2. Outra vaca no millo
E seguimos coa vaca como protagonista. A expresión “Outra vaca no millo” emprégase para indicar que unha persoa actúa igual de mal que outra ou que un feito ou acción é igual de inconveniente que outro anterior. Equivale a “Outro que tal baila” ou a Eramos poucos e pariu a avoa! (por se xa non houbese cousas malas ata o momento, chega outra máis).
3. Galiña vella fai bo caldo
É un eloxio á xente maior, especialmente ás mulleres. A veteranía é un grao. Ao igual que unha galiña vella aporta un sabor delicioso ó caldo, as mulleres maiores teñen moito que aportar pola súa experiencia. Podemos aprender moito delas.
4. A cabra (sempre) tira ao monte
Ten connotacións negativas. Refírese a que a conduta inapropiada dunha persoa é reiterativa. Fai continuamente o que é innato e está na súa natureza.
5. Polo pan baila o can
Pola interese de lograr algo, faise o que sexa preciso.
6. Caer da burra
Decatarse do erro no que se estaba. Darse de conta, por fin, de algo que non se daba entendido aínda sendo evidente.
Os animais próximos ao ámbito doméstico son os que aparecen con máis frecuencia como referentes das expresións figuradas: o can, o gato, o burro, a ovella, a galiña ou a vaca.
7. Nin tanto “arre” que fuxa nin tanto “xo” que pare
Esta expresión, así como as súas variantes “Nin arre nin xo” ou “Nin tanto arre que fuxa, nin tanto xo que se deite” equivale a “nin tanto, nin tan pouco”. Os extremos nunca son adecuados.
8. Non vaia ser o demo
Somos previsores e algo supersticiosos. Así que, para que arriscarse a algo sen necesidade? Evitémolo, non vaia ser que aconteza algo malo. Aseméllase ao significado de “por se acaso” ou “máis vale previr que curar”.
9. Marcho, que teño que marchar
Frase redundante onde as haxa, aclara que non marcha porque quere senón porque cómpre facelo. Esta expresión incluso se empregou nunha esquela con moita retranca.
10. Malo será
Trátase dunha expresión moi empregada na nosa terra, que invita ao optimismo. Ven dicir que, aínda que haxa adversidades, sempre se sae adiante.
11. Nunca choveu que non escampara (en galego normativo escampase)
En liña co optimismo da expresión anterior. Significa que as malas rachas non duran por sempre.
12. Se chove, que chova
Conformámonos co que hai. Se o tempo non é bo, non queda outra que aceptalo.
13. Éche o que hai
Con connotacións semellantes ás da expresión anterior. Os galegos resignámonos cando non queda outra opción.
14. Morra o conto!
Trátase dunha invitación directa a que se acabe un tema de conversa ou unha discusión.
15. Quedar como un Pepe
Estar satisfeito despois de comer. Ten connotacións positivas.
16. Chegar e encher
Lograr algo á primeira. Por exemplo, se imos co coche a unha praia abarrotada en pleno mes de agosto e aparcamos de inmediato, poderiamos dicir: “Foi chegar e encher”.
17. Ser un miñaxoia
Aplícase a unha persoa que non ten maldade nin astucia. É coitada e inxenua.
18. Tarde piaches!
Dicímosllo a unha persoa que ofrece a súa opinión, desacordo ou resposta a algo cando xa non ten sentido porque é demasiado tarde. Podería telo dito antes porque xa non se está a tempo de facer cambios.
19. O que ten cu, ten medo
Non hai ninguén que non pase medo nun momento determinado… Esta expresión incluso é o título dun tema do grupo musical galego Siniestro Total.
20. Ser máis listo que un allo
Os allos son todo cabeza. De ahí a alusión a este alimento para referirse a alguén espabilado.
Cal de estas expresións utilizades? Para vós teñen o significado que explicamos ou outro distinto? Que outras expresións galegas populares empregades con frecuencia?