
O Boletín Eléctrico ou Certificado de Instalación Eléctrica (CIE) é un documento imprescindible para poder ter subministración eléctrica en calquera vivenda ou local. Se non tes claro para que se necesita, canto custa ou durante canto tempo está vixente, segue lendo! Aclaramos tódalas dúbidas neste post.
Que é o Boletín Eléctrico ou CIE?
É un documento oficial que certifica que unha instalación eléctrica cumpre cos requisitos necesarios para a subministración eléctrica. Emíteo un instalador electricista autorizado ou unha empresa instaladora e nel inclúense, entre outros:
- Datos do/a titular
- Dirección do punto de subministración
- Empresa distribuidora
- Uso ao que se destina (vivenda, oficina, comercio…)
- Superficie
- Tipo de instalación (nova, reforma, cambio de tensión, ampliación…)
- Tensión
- Potencia instalada e potencia máxima admisible
- Proteccións
- Circuítos
- Empresa instaladora autorizada ou técnico que expide o boletín
Corresponde a cada Comunidade autónoma a elaboración do modelo de certificado. No caso de Galicia, podes pulsar nesta ligazón para acceder ao documento.
Podemos dicir que o CIE é o selo de calidade que un profesional pon a unha instalación eléctrica para autorizar a súa subministración. É un documento obrigatorio en todas as vivendas ou locais que desexen ter subministración eléctrica.
De tódolos xeitos, hai que ter en conta que aínda que o boletín amose unha inspección favorable e o técnico emita o certificado, a compañía distribuidora é a que ten a última palabra para aprobar o boletín e autorizar a activación da subministración, podendo solicitar que se fagan cambios na instalación eléctrica se o estima oportuno.
Cando se necesita o Boletín Eléctrico ou CIE?
Estas son as catro situacións máis frecuentes nas que vas necesitar o teu boletín eléctrico ou CIE:
1. Tes que dar de alta a luz: necesitarás achegar o boletín como parte da documentación
Ten en conta que, unha alta de luz pode facerse nunha vivenda ou local nos que nunca houbo subministración eléctrica, nos que a luz estivo dada de baixa ou ben tras un corte por falta de pagamento. No primeiro caso sempre se solicita o boletín eléctrico. En cambio, nos outros dous casos non sempre será necesario.
A distribuidora conservará o teu boletín eléctrico. Se máis adiante solicitas modificacións no teu contrato de luz, terá en consideración este documento.
2. Queres aumentar a potencia contratada por encima da máxima admisible que figura no boletín eléctrico
Neste caso, necesitarás un novo CIE, no que conste unha potencia máxima admisible superior.
3. Vas aumentar a potencia contratada por encima dos dereitos de extensión e o teu boletín ten máis de 20 anos
Se solicitas un aumento da potencia contratada, a compañía distribuidora revisará os teus dereitos de extensión e a vixencia do teu boletín eléctrico. Se os teus dereitos de extensión non son iguais ou superiores á potencia que queres contratar, terás que pagar a diferenza. Concretamente, 17,37 € por cada kW de potencia que aumentes.
Por exemplo, se no teu fogar tes unha potencia de 3,45kW, queres subir a 4,6kW e correspóndeche pagar os dereitos de extensión, o importe será: 17,37 € x (4,6kW – 3,45kW) = 19,98 € (máis IVE).
Neste caso, ademais, a distribuidora de luz revisará a vixencia do teu boletín. Se ten máis de 20 anos, terás que facer un novo para que se poida levar a cabo o aumento de potencia que solicitas.
4. Queres cambiar a túa instalación eléctrica para que pase de ser monofásica a trifásica ou viceversa
Xeralmente, é a compañía distribuidora a que vai solicitar o boletín, pero será a túa comercializadora eléctrica (a compañía eléctrica que contrataches) quen se poña en contacto contigo para comunicarche que se require o boletín eléctrico. Ademais, en canto llo facilites, realizará os trámites correspondentes coa distribuidora.
Lembra que o teu contrato é coa comercializadora, que é quen emite as facturas. A distribuidora, que non se elixe, é a que se ocupa da subministración, as avarías, os contadores…
Que prezo ten este documento?
O custo do boletín eléctrico CIE non está regulado e depende de diversos factores: da tarifa do instalador ou empresa que emite o certificado, da comunidade autónoma na que se atope o punto de subministración, das dimensións e características da vivenda ou local e da necesidade de realizar modificacións técnicas na instalación eléctrica.
Hai que ter en conta que as Comunidades Autónomas esixen aos instaladores unha taxa de entre 30 e 40€, aproximadamente. Ademais, hai que engadir o custo da man de obra do instalador electricista autorizado, a elaboración o propio boletín e a tramitación do documento no organismo que procede.
Con todo iso, o prezo medio oscila entre 100 e 300 €. Como existen grandes diferenzas entre uns e outros profesionais, é aconsellable solicitar varios orzamentos antes de contratar o servizo e elixir o que máis se adapte ás túas necesidades.
E que é un Boletín Azul ou BRIE?
O Boletín Azul, denominado actualmente Certificado de Electricidade Azul ou Boletín de Recoñecemento de Instalacións Eléctricas (BRIE), é un documento expedido de forma exclusiva en Cataluña, esixido para subministracións cunha potencia inferior a 20kW. Contén datos que xa se inclúen no Certificado de Instalación Eléctrica, mais a súa presentación é obrigatoria aínda que o CIE se atope en vigor.
O BRIE ten unha caducidade de 6 meses e un custo inferior ao do Boletín Eléctrico.
Se chegaches ata aquí, seguro que aprendiches algo novo sobre o boletín eléctrico 🙂
Xurdíronche dúbidas sobre este documento? Déixanos un comentario!