Sabes cal é a potencia contratada na túa vivenda ou negocio? Está axustada ás túas necesidades reais?
Se non o tes claro, propoñémosche que revises nunha factura de luz cal é a túa potencia contratada e que consultes cun electricista canto poderías chegar a reducila, en función dos teus hábitos de consumo eléctrico, os dispositivos eléctricos e electrónicos que poidas usar ao mesmo tempo e a instalación lumínica da vivenda ou local.
A potencia eléctrica é regulada polo Interruptor de Control de Potencia (ICP). Os novos contadores dixitais teñen o ICP integrado dentro do seu mecanismo.
Na factura da luz págase pola potencia contratada, aínda que non haxa consumo de enerxía. É unha parte fixa da factura, polo que convén tela axustada ao que realmente necesitas. Cada KW de potencia que poidas reducir (por exemplo, pasar de 4,6 kW a 3,6 kW) implica unha baixada no importe da túa factura mensual de ao redor de 4 €. É dicir, uns 48 € ao ano.
Lembra que xa non é necesario axustarse a unhas potencias normalizadas. Agora podes baixar ou subir a potencia de 0,1 kW en 0,1 kW.
Inconvenientes de baixar a potencia contratada
Non é ouro todo o que reloce…Baixar a potencia contratada conleva un custo para o cliente, que cobra a distribuidora de electricidade da zona, a través da factura que emitimos tras o cambio de potencia. Para as tarifas de electricidade 2.0 (son as que teñen máis dun 90% dos fogares) supón pagar 10,94 € IVE incluído, en concepto de adaptacións técnicas.
Ademais, só está permitido realizar un cambio de potencia ao ano, polo que debes ter ben claro canto podes baixar sen que che salte o limitador.
Reducir a potencia é unha decisión que non debes tomar á lixeira. Se elixes unha potencia inadecuada e utilizas máis aparellos eléctricos dos que soporta a túa instalación, sufrirás cortes de luz.
Doutra banda, debes ter en conta que aumentar a potencia contratada é máis caro que baixala. O importe total dependerá de cantos kW decidas subir.
Tes claro que che convén baixar a potencia contratada?
Se botaches contas e crees que si podes axustar a túa potencia contratada, isto é o que solicitamos aos nosos clientes para xestionar unha baixada de potencia:
- Que o cliente/a se identifique correctamente. Debes indicarnos o teu DNI/ NIE/NIF ou ben o número CUPS, así como os 4 últimos díxitos da conta bancaria na que domiciliamos os recibos.
- Indicar cal é a nova potencia contratada que necesitas.
- Se queres que che enviemos por e-mail ou correo postal o documento para asinar, necesario para confirmar o cambio de potencia.
- Enviarnos correctamente asinado o documento de cambio de potencia.
Ademais, se a baixada de potencia implica variación na túa tarifa, requírese tamén a firma dun novo contrato. Por exemplo, se se baixase de 10,35 kW de potencia a 9,3 kW estaríase a pasar dunha tarifa 2.1 a unha tarifa 2.0.
A baixada de potencia é un cambio que, polo xeral, faise efectivo ao pasar entre 3 e 5 días hábiles. De tódolos xeitos, o período máximo é de 5 días hábiles para a aceptación e outros 15 días naturais para a activación.