Durante esta etapa de confinamento por COVID-19, a pesar de estar todo o día na casa, podes tentar que o consumo de enerxía non se dispare. Non só para pagar menos luz durante a corentena, senón tamén por responsabilidade co medio ambiente.
10 sinxelas pautas para aforrar enerxía en casa:
Agora máis que nunca, convén telas presentes e aplicalas, na medida do posible.
1. Desenchufa os aparellos que non esteas a usar
Con apagar os aparellos eléctricos e electrónicos non é suficiente para que non haxa consumo de enerxía. Aínda que non nos deamos conta, prodúcese o coñecido como consumo fantasma.
Tanto é así que, diversos estudos recollen que o stand-by ou modo repouso dalgúns electrodomésticos e dispositivos electrónicos pode supoñer do 2 ao 11% do teu gasto de luz anual.
Se durante o estado de alarma tes que teletraballar co teu ordenador, non realices un gasto enerxético maior do necesario. Nin o salvapantallas, nin deixar a pantalla acendida van axudar a aforrar enerxía. Se vas deixar de usar o ordenador durante só uns minutos é recomendable utilizar as opcións de suspensión e hibernación.
2. Ao cociñar, utiliza a tapa e aforra os últimos minutos
Consumirás menos enerxía se utilizas a tapa nas tixolas e potas, xa que se aproveita máis a calor que se xera ao cociñar.
Tamén é conveniente apagar o lume uns minutos antes de terminar de cociñar e aproveitar a calor residual para o toque final.
3. Lavadora chea e a baixa temperatura
Procura non lavar a máis de 40 graos de temperatura, trata de xuntar roupa suficiente para encher o tambor e, cando sexa posible, utiliza programas curtos.
4. Coidado co frigorífico
O frigorífico é o electrodoméstico que máis consome, así que non deixes a porta aberta cada vez que vaias coller algo, nin metas comida quente nel. Tampouco é recomendable que poñas o selector de temperatura nun valor demasiado baixo.
5. Aproveita a discriminación horaria
Se tes unha tarifa de luz con discriminación horaria, aproveita as horas nas que a enerxía é máis barata (actualmente de 23 a 13 horas) para conectar os electrodomésticos que máis consomen. Para maior comodidade, podes programar para esa franxa a lavadora e o lavalouzas, entre outros.
6. Pasa o ferro a varias pezas de roupa
Pasar o ferro é unha das tarefas domésticas que menos adoitan gustar. Por iso, é habitual que pasemos o ferro a pezas de roupa soltas só cando necesitamos facer uso delas.
Non obstante, o ferro é un electrodoméstico que consome máis do que puidese parecer.
Aforramos ao pasar o ferro dunha soa vez todas as pezas que lavamos e é máis eficiente empezar por pasar o ferro as pezas de tecido delicado, que requiran menos temperatura, e seguir polas que necesitan temperaturas máis altas.
É posible que nin te propoñas pasar o ferro durante o confinamento, aínda que non é aconsellable pasarse o día en pixama nin abandonar por completo as rutinas que tiñamos antes do confinamento. Vestirse e arranxarse sobe a autoestima e axuda a diferenciar as franxas do día.
7. Ventila durante as horas de calor
Ao estar tanto tempo en casa, é importante que ventiles a vivenda uns minutos todos os días para renovar o aire. O máis recomendable é que aproveites as horas de sol ou de maior temperatura para abrir as xanelas. Con 10 minutos ao día é suficiente para que entre aire en casa, sen que baixe en exceso a temperatura da vivenda.
8. Aproveita a luz natural
É vital saber aproveitar a luz natural que entra na vivenda.
Tenta realizar as actividades para as que necesites maior luminosidade nos momentos do día en que entre máis luz natural en casa.
9. Sempre que poidas, utiliza o microondas en lugar do forno
En comparación co forno convencional, utilizar o microondas supón un aforro enerxético do 60%, segundo o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).
10. Mantén unha temperatura adecuada
Se necesitas poñer a calefacción, que sexa entre 19 e 21° C, que é unha temperatura agradable para esta época do ano. Cada grao que subas supón un incremento de ao redor do 7% do gasto enerxético.
Tamén te estarás a preguntar que opcións ten XENERA para aforrar na factura de luz e se se pode cambiar de compañía enerxética durante o estado de alarma.
A resposta é clara. Si, pódese cambiar con normalidade. Non se producen cortes de subministración no proceso e é bo momento para revisar se se está pagando demasiado coa compañía actual. A nosa Tarifa A Vaquiña polo que vale é unha gran opción para o aforro doméstico porque cobramos a enerxía a prezo de custo por só 3€/mes de xestión. Ademais, o noso prezo de custo está especialmente baixo nestes momentos. De feito, é o máis baixo desde febreiro do ano 2016! |
Cóntanos, estás a ter en conta estas e outras pautas de consumo eléctrico durante o confinamento? Vas empezar a aplicar agora estes consellos?